CONSELLO DE GALEG@S ILUSTRES


O CONSELLO DE GALEG@S ILUSTRES, consciente da crecente violencia que os medios de descomunicación transmiten á opinión pública –e logo de moito falar, pois falando enténdense as persoas- decide facer unha investigación: realizaranse visitas ó mundo d@s viv@s para coñecer de primeira man o sentir d@s mozos e mozas.

O CONSELLO DE GALEG@S ILUSTRES realiza visitas a centros de ensino, bibliotecas, casas da cultura e auditorios de Galicia e Portugal, para intercambiar impresións coa poboación, nunha actividade artística, entretida e pedagóxica para pequen@s e para grandes tamén.

CHORAN OS HOMES?

O tema é “Choran os homes?”. Os contos do Doutor Aimoré, que sanda os males escoitando e con dóces palabras, son o fío condutor deste canto á tenrura.
En torno ao conto “O Meniño Nito” e lembranzas de Umberto Eco, o Consello de Galeg@s Ilustres desenvolve un espectáculo de 45 min de duración, apto para tódolos públicos e indicado para 7 anos.

O meniño Nito, editado por Baía Edicións na Coleción Contos da Igualdade, é autoría de Sonia Rosa e ilustracións de Macus Romero.

Colección "Contos da igualdade": historias ilustradas coas que se pretende romper a tendencia de asignar roles estereotipados a nenas e nenas. Iniciativa con cargo ao Fondo Social Europeo e co apoio do Instituto da Muller.



NECESIDADES TÉCNICAS:
- unha cadeira sen brazos.
- dado que o instrumento é acústico, para o bo desenvolvemento do espectáculo cómpre un espazo tranquilo coas condicións sonoras axeitadas.

ESPECTÁCULO: VISITA DO MÚSICO ILUSTRE E DO SEÑOR ILUSTRE

O CONSELLO DE GALEG@S ILUSTRES recolle a voz d@s devanceiros, interactuando entre a vida cotiá e a maxia con música, aleghría, sentidiño e vontade de paz.

Dende que no 2002 respondeu a unha demanda das equipas de normalización lingüística dos IES de Compostela a pé de aula, o Consello de Galeg@s Ilustres leva visitado máis dun cento de centros de ensino de primaria e secundaria nas catro provincias galegas.

O fluir da información é considerado vital dende o Consello de Galeg@s Ilustres. Aproveitase a visita para aprender a escoitar e a falar, aportando coñecementos que poidan importar. Falamos con música da Terra do Universo e de educación para a Paz.

Temas como o botellón, a violencia nas aulas, a historia de Galicia... poden ser obxecto de serio debate e lúdica interacción confluíndo en maxia e cor.

NECESIDADES TÉCNICAS:
- unha cadeira sen brazos
- unha pizarra, encerado ou similar
- dado que o instrumento é acústico, para o bo desenvolvemento do espectáculo cómpre un espazo tranquilo coas condicións sonoras axeitadas.
As Visitas do Consello de Galeg@s Ilustres preséntanse en forma de espectáculos, de habitualmente 45 minutos de duración

ESPECTÁCULO: HOMENAXE AOS ILUSTRES DEVANCEIR@S

Alén das habituais visitas aos centros, o Consello de Galegos Ilustres colabora na divulgación da vida e obra dos persoeiros homenaxeados co gallo das Letras Galegas. Colabora con XANDOBELA. Xestión e dinamización sociocultural no proxecto “... na voz da xente”: Proxectos “Lorenzo, Varela / M.Lugrís Freire / María Mariño / ABZ na Voz da Xente”.

Na actualidade:
- A Filosofía de Ramón Piñeiro (en elaboración)
- X.M. Álvarez Blázquez
- Visita de María Mariño
- MLF e o discurso de Betanzos


NECESIDADES TÉCNICAS:
- unha cadeira sen brazos
- dado que o instrumento é acústico, para o bo desenvolvemento do espectáculo cómpre un espazo tranquilo coas condicións sonoras axeitadas

ESPECTÁCULO: XAN E PERILLAN ou A BOINA ROÍDA

Xan e Perillán son moi iguais, mais tamén poden ser moi distintos...

Un canto de amor á Terra e á diversidade no ecosistema.

Apto para idade de 5 anos en diante.

Elaborouse este conto respondendo a unha demanda para as campañas de prevención de incendios “Non queimes o monte” da Consellaría de Medio Rural, para visitar centros de infantil e primaria no curso 2006-2007.

Esta campaña ampliouse para a idade adolescente co nome “Non queimes o futuro” nos acampamentos da Dirección Xeral de Xuventude na Campaña de Verán 2007. Dende aquela percorren o país no verán e en primavera falando do tesouro de coidar con amor a terra.

NECESIDADES TÉCNICAS:
- unha cadeira sen brazos
- unha mesa grande ou similar
- dado que o instrumento é acústico, para o bo desenvolvemento do espectáculo cómpre un espazo tranquilo coas condicións sonoras axeitadas

ESPECTÁCULO: O MISTERIO DE XELA

O Servizo Galego de Promoción da Igualdade da Muller e o Home acode para actividades nos Centros de Información á Muller CIM, do 2º semestre 2007 ó Consello d@s Galeg@s Ilustres para lle por voz ó conto Xela volveuse Vampiro, de Fina Casalderrey, Baía edicións, 2007.
O espectáculo O MISTERIO DE XELA do Consello d@s Galeg@s Ilustres inclúe unha adaptación escénica do conto Xela volveuse Vampiro, de Fina Casalderrey.

O amor, a violencia e a violencia de xénero son algúns dos temas tratados nesta proposta escénica axeitada para de 8 anos en diante.

É un tenro canto para que as persoas sorrían e con corazón nobre e puro sexan elas mesmas, refugando das tensións nas nosas vidas.

Unha Ilustre Danzante acompaña nesta ocasión ao Músico e Señor Ilustres, fundindo ambas beiras do Atlántico en músicas galego-guaranís.


NECESIDADES TÉCNICAS:
- unha cadeira sen brazos
- dado que o instrumento é acústico, para o bo desenvolvemento do espectáculo cómpre un espazo tranquilo coas condicións sonoras axeitadas

@S ILUSTRES

O Músico Ilustre é Xavier Mugardos, autodidacta da guitarra e poesía que aprendeu a musicar aprendéndolle ós meniños e escoitando a natureza, conta con non poucos traballos orixinais recollidas en 5 discos. É a escenografía sonora.

O Señor Ilustre é Brais Fernandes Álvares, educador sociocultural adicado á didáctica da cultura dende Compostela con grandes e pequen@s.

A Boa Fada que acompaña nesta ocasión é Natalia Carossi, Ilustre Danzante e Voz, colabora c@s Galeg@s Ilustres fundindo ambas beiras do Atlántico en músicas galego-guaranís.
Aquelando na trastenda, fuchicando entre xogos e quen sabe que outras cousas raras, está o Argallán Ilustre, Hugo Lage. É a Memoria.